Monday 06 de May de 2024

O Concello de Boqueixón inicia a gravación dos plenos municipais


A sesión ordinaria de onte poderase ver a través da web municipal

O Concello de Boqueixón iniciou onte a gravación dos plenos de municipais. O salón conta con dúas cámaras fixas, unha na parte dianteira e outra na traseira, e seis micrófonos que rexistran todas as sesións.

“A partires de onte, a veciñanza de Boqueixón poderá ver as sesións plenarias do Concello de Boqueixón. Damos, así, un paso máis cara a transparencia da xestión municipal”, asegura o alcalde, Manuel Fernández Munín. Os arquivos de vídeo correspondentes ás sesións plenarias poderanse ver a través da web municipal, xunto coa acta correspondente. O primeiro destes enlaces poderase ver a principios da próxima semana.

A Corporación aprobou por unanimidade a constitución da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero, que inclúe tamén aos municipios de Touro e Vedra. Tal e como explicou o alcalde, a creación deste organismo “inclúese dentro do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Boqueixón (2018-2022), que na súa Área 8 contempla a creación de dita Mesa dentro das súas Medidas para impulsar unha rede municipal de protección e de actuación nos casos de denuncias”. Dende a oposición, o voceiro de Veciñ@s de Boqueixón, Xabier Canabal, indicou que lle parece “unha iniciativa interesante”, ao tempo que preguntou sobre as iniciativas concretas que se desenvolverán. Neste senso, o rexedor respondeu que ditas accións están contempladas no propio plan.

Tamén co apoio de todos os grupos saíu adiante a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas para turismo enolóxico. Trátase dun proxecto para a creación de servizos enoturísticos no lugar de Pousada. Mentas que Canabal criticaba a dilación de case dous anos na luz verde definitiva a este proxecto, Manuel Fernández Munín indicou que dende o Concello realizaron as xestións pertinentes para que se axilizase ao máximo a tramitación, toda vez que se trata dunha iniciativa de emprendemento moi interesante.

Do mesmo xeito, tanto PP como Veciñ@s de Boqueixón apoiaron a modificación do proxecto de actuación no Pico Sacro. O rexedor explicou que se solicitará a Turismo de Galicia a “habilitación dunha senda peonil a carón da pista que sube ao Pico Sacro e que chegaría ata a zona do Centro de Interpretación. Deste xeito, os pelegríns poderían subir polo camiño alternativo dende San Pedro de Vilanova ata o Pico Sacro e despois baixar por esta senda ata o Centro de Interpretación”. Para realizar esta actuación precisaríanse arredor de 150.000 euros.

Luz verde á Conta Xeral 2017

O equipo de goberno aprobou cos seus votos a Conta Xeral 2017. Segundo indicou o alcalde, “pechamos o exercicio cun resultado orzamentario de 852.760,97 euros; un remanente de tesourería de 2.077.776,32 euros; un aforro bruto de 642.778,97 euros e un aforro neto de 604.299,97 euros”.

Dende Veciñ@s de Boqueixón anunciaron o voto en contra e instaron ao executivo local a “desenvolver máis políticas de cara a prestar máis servizos e que o noso municipio sexa atractivo para vivir e traballar”. Sobre isto, Manuel Fernández Munín respostou que “tratamos de dar o mellor sentido aos impostos recadados á veciñanza de Boqueixón”. Neste senso, lembrou que “realizamos grandes esforzos en materia de Servizos Sociais: a nosa Escola Infantil é unha das mellor dotadas da contorna e ten o sustento básico do Concello; aumentamos as horas da axuda a domicilio… Todos os investimentos que realizamos fanse con vistas a mellorar os servizos da nosa veciñanza”, concluíu.

Por outra banda, o equipo de goberno deu luz verde cos seus votos a unha modificación orzamentaria de 10.470,16 con cargo ao superávit. Esta servirá para asumir os custos derivados da execución dun proxecto de aforro enerxético no río Pontillón.

Toma de posesión de Iván Eirís

Na sesión plenaria de onte tamén tomou posesión o novo concelleiro de Veciñ@s de Boqueixón, Iván Eirís. Substitúe no cargo a Perfecto Barcala, que formalizou no pleno ordinario de xullo a súa dimisión como edil.

O novo concelleiro tamén se encargou de expoñer unha das tres mocións presentadas polo grupo de oposición. Esta centrouse na incorporación de máis desfibriladores no municipio e no desenvolvemento de máis accións formativas de cara a previr a morte súbita. Ademais de anunciar o apoio do grupo de goberno, o alcalde lembrou a Eirís que “levamos xa 2 anos facendo cursos específicos de reanimación e de uso do desfibriladores. No municipio contamos na actualidade con dous deles, pero podemos estudar o seu reforzo”, indicou.

As outras dúas mocións foron tamén aprobadas por unanimidade. A primeira delas comprenderá a posta en marcha dunha campaña informativa sobre os perigos do amianto e como se deben tratar e coa elaboración dun inventario de edificios públicos que poidan conter amianto. A segunda centrouse na incorporación de suxestións de varias obras a incluír no POS 2019.